A XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas convida ao público a descubrir en Semana Santa por que ‘Camariñas está de moda’

O PequeEncaixe triunfou outra vez na Mostra
O PequeEncaixe triunfou outra vez na Mostra
Hoxe tivo lugar a inauguración oficial do evento, na que cortaron a cinta a alcaldesa de Camariñas, o presidente da Deputación, a subdelegada do Goberno e o delegado da Xunta. Sandra Insua salientou que “a Mostra, cada edición, leva algo de nós mesmos, o esforzo de quen a quere ver grande e medrando, a loita das mulleres que dan horas, días e meses para que o máis fermoso de canto pode saír das súas mans sexa portada de un evento internacional”.
Picture of Redacción
Redacción

Equipo de prensa da Mostra do Encaixe de Camariñas

Arrinca a XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, unha edición que se celebrará desde hoxe, mércores 5 de abril, ao domingo 9 de abril e que co lema ‘Camariñas está de moda’ quere reivindicar a relevancia da súa pasarela de moda e a aplicación do encaixe como complemento e na roupa. 

Esta edición redobla a aposta por destacar a tradición milenaria do encaixe de Camariñas como un elemento de moda que está á vangarda e que está a ser empregado por moitos dos deseñadores máis recoñecidos a nivel nacional. Para isto, a Mostra do Encaixe de Camariñas quere valerse dun marco incomparable como son as paisaxes fermosas e impoñentes das coas que conta o municipio.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a subdelegada do Goberno, María Rivas, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, foron os encargados de cortar a cinta de encaixe que, simbolicamente, dá o pistoletazo de saída á Mostra.

Sandra Insua cualificou á Mostra como “o encontro de encaixe máis grande do mundo, cunha bagaxe de 32 anos de historia” e lembrou que “neste evento, na nosa casa, ademais de palilleiras e artesanía, celebrase unha das pasarelas de moda mais importantes de España, onde se presentan coleccións dos mais importantes deseñadores nacionais e das futuras estrelas do deseño”.

No seu discurso, a rexedora tamén quixo destacar que “A Mostra viviu unha edición tralo Prestige, nunha vila asolagada polo chapapote e pola pena. A Mostra viviu unha pandemia, e tivemos que reinventarnos para non morrer. A Mostra, cada edición, leva algo de nos mesmos. O esforzo de quen a quere ver grande e medrando, a loita das mulleres que dan horas, días e meses para que o mais fermoso de canto pode saír das súas mans sexa portada de un evento internacional que nos representa a todos e todas”.

Nese sentido, expresou que agora “a Mostra do Encaixe entra na trintena coma facemos moitos, coas dubidas dunha madurez que mereceu unha grande loita e dispostos a ser parte de ese futuro que abre diante nosa. “O privilexio que a moitas nos queda é o de formar parte de todo isto e poder seguir dando parte de nos a Camariñas, aos seus veciños e veciñas e a esta industria que deriva tanto en ser frescura coma sensatez, a propia das mais maiores, que xa non palillan dentro dos límites dun pano, senón que o fan mais aló da propia almofada”, afirmou.

Pola súa parte, Valentín González Formoso, destacou que “a Mostra do Encaixe é xa un evento de referencia durante estas datas, situando a Camariñas como o epicentro da moda en todo o territorio español, e incluso internacional”. “Ademais, durante os últimos anos, converteuse nunha gran canteira de talento emerxente, celebrando xa 29 edicións do concurso de xóvenes talentos, servindo como impulso para tantos mozos e mozas que poñen no sector da moda a súa paixón e buscan desenvolver o seu talento arredor da costura”, afirmou.

“Desde a Deputación da Coruña colaboramos con esta Mostra desde hai xa máis de tres décadas, poñendo en valor todo este patrimonio material e inmaterial, que só podemos gozar na vila de Camariñas, un patrimonio que vive en todas as persoas que día a día poñen o seu grao de area para que o encaixe non só siga manterse vivo, senón que transmita ás futuras xeracións a súa importancia e o seu valor”, indicou.

María Rivas salientou que as palilleiras converteron “un oficio tradicional en universal” e sinalou que “falar da Mostra do Encaixe, falar de Camariñas, é falar de tradición, pero tamén é falar de moda e do que significa e representa a arte”. “As palilleiras sodes o mellor exemplo do que é unha artista, estou segura de que ninguén ama máis, ninguén acariña máis a súa obra que cada unha de vós”, afirmou. 

Por último, Gonzalo Trenor, destacou que “o encaixe é o sinal de identidade de Camariñas, polo que esta terra é coñecida e apreciada en todos os recunchos do planeta. A proba é que durante estes días pasarán por esta instalación turistas procedentes de todos os continentes”. Ademais, recalcou que “case o 60% das palilleiras galegas residen neste concello e nos mesmo podemos atopar á venda estes finísimos traballos en multitude de tendas especializadas”.

Despois da pertinente visita aos diferentes postos e stands que se ubican nos dous pavillóns municipais acondicionados para a ocasión, as autoridades presentes presenciarán o desfile do ‘Pequencaixe’ e, para rematar, acudirán á pasarela inaugural da Mostra, no que as firmas participantes amosarán por primeira vez as coleccións que prepararon para a Mostra co encaixe como protagonista. Antes do desfile de Grandes Deseñadores que pechará esa primeira xornada DJ SON1C estreará a versión dance da canción de ‘Camariñas’, acompañado da cantante Alicia Bautis, e da música da Danza de Arcos.

XXXII Mostra do Encaixe

Esta edición da Mostra contará con máis desfiles ca nunca. Durante os cinco días un total de 13 firmas da categoría de ‘Grandes Deseñadores’ subiranse ás pasarelas da Mostra para amosar as súas creacións con encaixe. Este ano contaremos coa presenza de Modesto Lomba, Dolores Cortés, Esteban Freiría, Edith del Valle, Claudina Mata, Franco Quintáns, Andion, Ana Cabranes, Miquel Suay, Jorge de Álvarez, K-Kou, José Matteos e Sara Lage.

Ademais, terá lugar tamén o XXIX Concurso de Noveis Deseñadores no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios e participarán un total de 40 mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda. Nesta edición estrease unha nova categoría, a da colección máis comercial. O venres 7 ás 20:30 horas celebrarase o encontro entre grandes e noveis deseñadores e o domingo 9, a partir das 19:30, horas darase a coñecer o fallo do xurado

O desfile de ‘ArtEncaixe’, que pouco a pouco está a consolidarse na programación, estrearase o xoves, 6 de abril, ás 12:45 horas. Este ano son 12 os artesáns que chegarán de diferentes puntos de Galicia para demostrar que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais: Arteviares, Estilo Aramar, Escola Mestre Masteo, Suso Calo, Zeltia ao Aire, Ana Freiría, Janet Schulz, Mar Barral, Olería de Buño, Ondas do Mar e Susi Gesto.

Outra das novidades desta edición é o desfile ‘ReEncaixando’ no que volverá á Mostra as coleccións dalgúns dos participantes do concurso de Noveis Deseñadores da anterior edición, do ano 2022. Terá lugar o domingo 9 de abril ás 12:45 horas. 

O xoves 6 de abril tamén foi o día escollido para facer un desfile de homenaxe ás palilleiras (19:15 horas), encargadas de preservar coas súas mans a tradición do municipio, no que participarán o ArtEncaixe, os Grandes Deseñadores e o PequEncaixe.

EOutro ano máis volverán á Mostra as delegacións internacionais. O sábado 8  ás 19:15 horas terá lugar o primeiro desfile das ‘Delegacións de encaixeiras internacionais’. Repetirán o domingo 9 ás 12:45 horas. Participan 10 delegacións de: Bélxica (Brujas), Bulgaría (Sofía), Eslovaquia (Krakovani), Italia (Gubbio), Italia (Novedrate), Italia (Trapani), Suíza (Locarno), Polonia (Bobowa), Portugal (Peniche) e Portugal (Serra d’ El Rei). 

Un dos momentos máis agardados da Mostra son os desfiles do ‘Pequeencaixe’. As 50 nenas e nenos das Escolas Municipais crean o seu propio encaixe durante todo o curso para posteriormente deseñar os vestidos e desfilar na Mostra. Convértense en palilleiras, deseñadores e modelos. 

O mesmo ocorre no desfile de ‘Encaixeiras Senior de Camariñas’ que terá lugar o domingo 17 ás 19:30 horas durante o acto de clausura do evento e no que veciñas e veciños do municipio amosan ao público as creacións que fixeron durante todo o ano. Ademais, este desfile terá un marcado carácter benéfico xa que se fai cunha colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro. 

Lopes, Touriñán e outras accións destacadas da programación

Este ano os asistentes poderán gozar da música do camariñán Lopes (o domingo 9 ás 21 horas como clausura da Mostra) e rirse a esgalla con Touriñán nun monólogo que terá lugar o sábado, 8 de abril, ás 20:30 horas na propia pasarela. 

Durante os cinco días escoitarase nos pavillóns da Mostra, mesturado co son dos palillos, o folclore das agrupacións Abrindo Rejo, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e  Asociación As Cansorriñas. Tamén o VI Encontro de Corais no que participarán a Coral Brisas do Mar de Corme, a Coral de Bergondo e a Coral Brisas do Mar de Camariñas (domingo 9 ás 11:45 horas).

Aproveitarase o evento para a presentación de libros como ‘Devotos do destino, Alén do Vilán’ de Ainhoa Conde (xoves 6 de abril ás 12 horas), ‘Travesía del sentir’ de Ana de las Heras (venres 7 de abril ás 12 horas) e ‘El cementerio de los ingleses’ de Alfonso de Sas’. 

Durante toda a Mostra tamén haberá stands gastronómicos e demostracións artesanais e os pais e as nais poderán deixar aos máis pequenos no Parque Infantil con monitores cualificados.

A clausura da XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas terá lugar o domingo 9 de abril ás 21:30 horas. Como ven sendo habitual, no recinto da Mostra estarán instalados os habituais stands e, na entrada, celebrarase o Encontro de Palilleiras.

XXXIV Mostra do Encaixe

XXXI Concurso de Jóvenes Diseñadores

Esta web utiliza cookies. Podes ver aquí a Política de Cookies. Se continúas navegando estás aceptandoa.    Ver
Privacidad