A Mostra do Encaixe de Camariñas non quere caer na rutina e cada ano busca reinventarse pero sempre sen perder a esencia. Para esta trixésima edición do evento a organización ideou un novo desfile: o ‘ArtEncaixe’, onde artesáns chegados de diferentes puntos de Galicia demostrarán que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais.
Para desfilar nesta pasarela de artesanía están confirmados, polo momento, sete artesáns. A participación aínda non está pechada polo que todos aqueles especialistas que o desexen poden poñerse en contacto co Concello de Camariñas para xestionar a súa inclusión no ‘ArtEncaixe’. Un adianto do que traerán os participantes xa confirmados:
Janet S. – JANET & SCHULZ (Vigo)
Tocados de noiva e de invitada, fusionando o estilo dos anos vinte co actual e intentando dar un aire moderno ao emprego de materiais que de por si teñen un aspecto antigo como poden ser os tules, plumas ou o encaixe.
Julia de la Cal – La Parabólica (O Porriño)
Unha colección de complementos inspirados na cultura mariñeira galega, deseñada combinando elementos tradicionais da cestería, do encaixe e da tecedura para crear pezas adaptadas á moda contemporánea.
Silvereira (Teo)
Elaboran pendentes de madeira. Para o desfile buscarán incorporar o encaixe a pendentes de diferentes tamaños e tamén a colgantes ou broches.
Viviana Araújo – Estilo Aramar (Pontevedra)
Viviana Araújo é multidisciplinar xa que traballa diferentes produtos únicos como turbantes para persoas que están con quimioterapia, tocados para vodas, arte plumario, complementos en lousa ou feltro… aos que aplica novedosas técnicas como o tinguido en xeo ou a impresión botánica (tinguindo con flores e follas naturais). A súa colección incorporará pezas como abrigos, un corsé con falda, un pareo que vai acompañado dunha bolsa e un turbante…
Pilar Rodríguez – En La (Monforte de Lemos)
Dedícase a facer complementos de lá, seda ou liño, de xeito manual con técnicas como a da la prensada ou feltrada de xeito manual á que se lle aplica diferentes técnicas de tinguido e de estampación, como a impresión botánica.
Charo López Atelier (Vedra)
Charo López xa participou na Mostra outros anos, facendo tocados para deseñadores como Amaya Blanco, e repetirá este ano en ámbolos dous desfiles.
Ana Miguêns (Vilagarcía de Arousa)
Esta será a primeira vez que Ana Miguêns presente unha colección sobre unha pasarela, pero non é a primeira ocasión na que realiza pezas con encaixe de Camariñas. No 2011 iniciou o seu traballo con pezas realizadas en arxila polimérica relacionadas coa cultura galega e xa conta con varias pezas inspiradas en Camariñas como os colares ‘Flor da Caramiña’, ‘Faro Vilán’ e ‘Camariñas.
Para o ‘ArtEncaixe’ traerá catro colares, cada un con cores e un encaixe aplicado diferente, nos que predominan os debuxos de flores ou follas. O proceso de creación consistirá en preparar flores en arxila translúcida para bordar sobre o encaixe.
Noelia Peña Joyas (Sanxenxo)
Noelia fabrica xoias de deseño, pezas exclusivas nas que usa materiais como a prata, o cobre ou latón. Na Mostra presentará unha colección sofisticada para a noite ou para eventos especiais que incluirá grandes pendentes, grandes colares e algún bolso. Todo en cores prata e ocre aplicados ao encaixe.
Sandra Rego – Amorote (Boiro)
Sandra traballa o estampado con relieves, experimentando tamén con outras técnicas de dar cor, como os tinguidos ‘tye dye’, que aplicará nas súas creacións xunto co encaixe para a colección que presentará na Mostra.