Proxecto ‘A Caramiña vai palillar aos coles’

O encaixe de Camariñas percorrerá os colexios de toda Galicia
O encaixe de Camariñas percorrerá os colexios de toda Galicia
Este luns 2 de marzo de 2020 inaugurouse este programa no CEIP San Pedro de Visma e no Centro de Educación Especial Nosa Señora do Rosario, ambos na Coruña. O fío condutor é a mascota ‘A Caramiña’, unha boneca baseada nun debuxo dunha nena palilleira. Na acción participan activamente os nenos e nenas da escola municipal de palillo.
Picture of Redacción
Redacción

Equipo de prensa da Mostra do Encaixe de Camariñas

O Concello de Camariñas quere continuar dando a coñecer o encaixe e a Mostra do Encaixe a todos os niveis. Para isto, hoxe botou a andar o proxecto ‘A Caramiña vai palillar aos coles’, co que se busca chegar as familias a través dos que mellor poden levar unha mensaxe, os nenos e nenas.

Esta acción divulgativa, que se levará a colexios de diferentes zonas de Galicia, inaugurouse hoxe no CEIP San Pedro de Visma e no Centro de Educación Especial Nosa Señora do Rosario, ambos da Coruña. Ata alí desprazouse o concelleiro Fabián Canosa; as representantes da Mostra, Dolores Lema e Noemí Toba; a bibliotecaria municipal, Ana María; e a profesora da Escola Municipal de Palillo, Bea Dios.

O fío condutor da presentación é unha mascota: ‘A Caramiña’, que é unha boneca baseada nun debuxo que fixo unha nena palilleira fusionando a pranta da caramiña con ela mesma.

Primeiro, presentóuselles aos escolares o encaixe de Camariñas a través dun conto popular escenificado con sombras chinesas por Ana Martínez: ‘A ratiña presumida’. O obxectivo deste primeiro paso é dar a coñecer a artesanía de Camariñas a través da lectura e a creación literaria. “A mensaxe dos contos chega ás nenas e aos nenos dun xeito intuitivo e interiorizase de maneira inconsciente. Así e como queremos que o encaixe chegue a todos, envolvéndonos coa súa beleza”, explicou Ana María.

Proxecto ‘A Caramiña vai palillar aos coles’

Logo, Beatriz Dios explicoulles as partes da almofada, os puntos característicos do Encaixe, a forma de ensinalo antes e agora e as diferencias entre o noso e os europeos.

Ademais, tamén se lles resumiu aos escolares os recursos turísticos máis importantes de Camariñas, incidindo especialmente no que poderán atopar se se achegan en Semana Santa á Mostra: desde a aplicación do encaixe na roupa e complementos ata participar no desfile do PequEncaixe.

Os nenos e nenos das escolas municipais de palillo tamén quixeron participar activamente neste proxecto, e enviaron un vídeo no que lles explicaron aos escolares en primeira persoa por que lles gusta ir ás clases de palillo e participar na Mostra todos os anos, creando pezas que lles regalan aos seus familiares e desfilando no PequEncaixe.

A lenda da Serea

Ata os colexios tamén se achegou Noemí Toba, voluntaria asidua da Mostra, que proxectou un vídeo de creación propia titulado ‘A Lenda da Serea’, onde se narra como chegou o encaixe a Camariñas.

Durante toda a xornada os escolares amosaron un enorme interese polo encaixe, pola Mostra e por Camariñas como pobo e interactuaron continuamente con gañas e ilusión de aprender a palillar, xa que tamén tiveron a oportunidade de traballar nas almofadas e deixóuselles unhas fichas onde poden facer un quebracabezas do encaixe ‘gana pan’ e unha paxarela.

Proxecto ‘A Caramiña vai palillar aos coles’

Noticias relacionadas

Suscríbete a nosa newsletter

Entérate de todo o mundo da mostra

Esta web utiliza cookies. Podes ver aquí a Política de Cookies. Se continúas navegando estás aceptandoa.    Ver
Privacidad