Recuperando a identidade no paraíso da XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña

O PequeEncaixe triunfou outra vez na XXXI Mostra do Encaixe
O PequeEncaixe triunfou outra vez na XXXI Mostra do Encaixe
Hoxe tivo lugar a inauguración oficial do evento, que volve á súa data e formato tradicional despois da pandemia. Cortaron a cinta a alcaldesa de Camariñas, o presidente da Deputación, a subdelegada do Goberno e o delegado da Xunta. Sandra Insua salientou que “Camariñas volve a ser a capital da moda en Semana Santa” e fixo referencia ao regreso das delegacións internacionais para enviar unha mensaxe “de unión entre pobos, de diplomacia, de que todos somos iguais”.
Picture of Redacción
Redacción

Equipo de prensa da Mostra do Encaixe de Camariñas

Arrinca a XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, a edición que significa a volta á normalidade e a recuperación da identidade perdida pola pandemia, volvendo este ano a celebrarse na súa data tradicional e co formato habitual, sen restricións.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a subdelegada do Goberno, María Rivas, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, foron os encargados de cortar a cinta de encaixe que, simbolicamente, dá o pistoletazo de saída á Mostra.

Sandra Insua fixo referencia a esa recuperación da identidade e salientou que “Camariñas volve a ser a capital da moda en Semana Santa, como ten que ser” xa que “para calquera camariñán ou camariñá a normalidade non existe se non hai Mostra en Semana Santa”.

No seu discurso, a rexedora tamén quixo destacar o regreso das delegacións internacionais porque “unha Mostra sen vós é menos Mostra” e aproveitou para “enviar desde Camariñas unha mensaxe de unión entre pobos, unha mensaxe de diplomacia, de que todos somos iguais e de que as fronteiras non poden separarnos senón que teñen que servir para unirnos, para colaborar e para intercambiar coñecementos e cultura”.

Nese sentido, expresou “a miña solidariedade co pobo ucraíno e a miña enérxica condena á guerra” e lembrou que “as primeiras familias ucraínas chegaron ao noso municipio. Persoas que deixan unha vida enteira atrás dun día para outro polos caprichos dun poucos”. “É inaceptable. Agardo que algunhas destas familias que se están a instalar en Camariñas se acheguen estes días á Mostra e, por un instante, poidan esquecer todo o malo que están a facerlle ao seu país. Sodes máis que benvidos. Seguro que vós encaixades no paraíso”, afirmou facendo referencia ao lema desta trixésimo primeira edición da Mostra.

Pola súa parte, Valentín González Formoso, destacou que “na Deputación levamos tres décadas colaborando para que esta Mostra do Encaixe sexa un punto de referencia a nivel nacional e internacional durante a Semana Santa” e explicou que “facémolo porque cremos que apoiar á nosa artesanía e o noso patrimonio material e inmaterial é imprescindible para manter a nosa identidade”.

“Porque fóra e dentro das nosas fronteiras, dicir encaixe é dicir Camariñas. E isto é froito do traballo de xeracións de palilleiras que soubestes manter vivo o lume da tradición nas vosas familias”, afirmou, engadindo que “a Mostra do Encaixe tamén e turismo e en Camariñas tedes moitas cousas fermosas que amosar aos milleiros de visitantes que por aquí pasarán durante cinco días”. “Xa vos adianto que, se non é o paraíso, paréceselle moito”, salientou.

María Rivas cualificou á Mostra como “o evento de encaixe máis importante do mundo” e puxo en valor ás “mulleres de Camariñas, sodes un exemplo de dedicación e todas merecedes o noso recoñecemento”. “Sei que levades moitos anos traballando nesta Mostra para converter en arte a tradición desta vila”, expresou.

Por último, Gonzalo Trenor, destacou que “tres de cada cinco palilleiras galegas residen en Camariñas” e fixo referencia á internacionalidade do encaixe xa que “pódese atopar encaixe de Camariñas en calquera parte do mundo”. “O encaixe é a escusa que atrae aos visitantes a descubrir que Camariñas é moito máis que encaixe pero sen o encaixe non sería Camariñas”, rematou.

Despois da pertinente visita aos diferentes postos e stands que se ubican nos dous pavillóns municipais acondicionados para a ocasión, as autoridades presentes presenciarán o desfile do ‘Pequencaixe’ e, para rematar, acudirán á pasarela inaugural da Mostra, no que as firmas participantes amosarán por primeira vez as coleccións que prepararon para a Mostra co encaixe como protagonista.

Noticias relacionadas

Suscríbete a nosa newsletter

Entérate de todo o mundo da mostra

Esta web utiliza cookies. Podes ver aquí a Política de Cookies. Se continúas navegando estás aceptandoa.    Ver
Privacidad