Recentemente estreado este 2020 e xa entramos de cheo no 30 aniversario da Mostra do Encaixe de Camariñas, polo que este ano debía ser especial, rechamante e rompedor. En definitiva, que había que dar un xiro de 360º ao que viñamos facendo en canto a márketing visual. Imos aló entón para desvelarvos todos os secretos de onde se atopa o encaixe nun traxe tan elegante como o que leva Damián Álvarez no spot da XXX Mostra do Encaixe de Camariñas.
Planificado e estruturado todo o que se quería facer en canto a anuncio e cartel promocional, puxémonos ao choio para vestir de domingo ao modelo seleccionado, que non podía ser outro que Damián Álvarez, modelo internacional e como non, da Costa da Morte.
Valoráronse diversos traxes masculinos de calidade, pero buscábase un que fora verdadeiramente elegante e que non tivese unha tea moi brillante pero tampouco opaca e que non parecese, como se di moitas veces, un cantante de orquestra, pois non era o que se buscaba para esta ocasión. E atopámolo no impresionante stock que posúe a impresionante tenda de moda masculina Alonso Moda de Carballo.
Sabendo de antemán o que o equipo creativo quería transmitir co cartel da XXX Mostra do Encaixe, pensouse en múltiples deseños de encaixe que puidesen adaptarse ao traxe escollido. Pero necesitábase algo elegante, cautivador e que fose un encaixe típico da zona, propio de Camariñas, pero que non perdese o toque de artesanía característico da Vila das Palilleiras. Así que o encaixe seleccionado foi o coñecido popularmente en Camariñas como o “Acordeón”, debido á similitude que ten co fol dese instrumento musical.
Esta labor é un caso particular, porque non podemos dicir que é unha puntilla en sí, co seu pé, centro e puntilla, senón todo un conxunto, xa que os seus palillos vanse entrelazando desde o extremo dereito ao esquerdo, todo de corrido, dando a forma final composta por “barras” paralelas horizontais de par enteiro, separadas por filas de rombos de par enteiro volteado unidos entre si.
Todo o encaixe realizado para vestir ao noso modelo, o top model da Costa da Mortre Damián Álvarez, fíxose da mesma maneira: cunha almofada típica de Camariñas, cos palillos de madeira de buxo, co deseño picado a man sobre cartón contracolado e coa arte característica da nosa Camariñas. Utilizouse fío metalizado negro, achegando un brillo elegante, cautivador e moderno a un encaixe de deseño clásico e tradicional.
O encaixe poderíase poñer no propio traxe, pero pensouse que era moito máis versátil aplicalo en complementos, para achegarlle a todo aquel que vise tanto o anuncio, como o cartel promocional, ideas para as súas propias vestimentas e tamén para demostrar que o Encaixe de Camariñas non é só cousa de mulleres.
Finalmente decidiuse facer os zapatos, a paxariña, os xemelgos, a faixa e o pano para a lapela ou solapa en castelán. Tanto aos zapatos como á paxariña, fíxoselle un deseño exclusivo para adaptalo á forma desexada, pero utilizando o mesmo deseño tradicional do “Acordeón”. Doutra banda, os xemelgos, de prata de 1ª lei, aplicóuselles o encaixe coa axuda dunha prensa e a faixa, personalizouse aplicando o encaixe con seda salvaxe natural.
Por último, e non menos importante, quíxose cambiar o modelo de pano para a lapela, pois o típico é utilizar un pano como tal de encaixe ou tea sen máis, pero postos a dar un xiro quixémolo facer do todo, e utilizáronse dúas follas de encaixe negro de algodón colocadas nos pliegues que forma o pano, un pequeno detalle, pero totalmente distinto a todo o visto ata a data.