Camariñas comercializará o encaixe e presentará desfiles na rede na II Mostra do Encaixe Virtual

En Semana Santa publicaranse os vídeos do certame de Jovenes Deseñadores e, no mes de setembro como antesala da XXX Mostra do Encaixe sairán á luz os vídeos dos Grandes Deseñadores e Artencaixe. Do 31 de marzo ao 4 de abril os postos participantes ofrecerán a través das redes sociais do evento produtos relacionados co encaixe con ofertas especiais. Desenvolverase a través das páxinas de Facebook e Instagram e da canle de Youtube.
Picture of Redacción
Redacción

Equipo de prensa da Mostra do Encaixe de Camariñas

O Concello de Camariñas organizará a segunda edición virtual da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña que presenta novidades con respecto ao ano pasado e nesta ocasión cambiará o seu funcionamento para centrarse na comercialización do encaixe e na publicación de desfiles das diferentes pasarelas.

O obxectivo deste evento é o de comercializar o encaixe e fomentar a labor que fan anualmente os comercios locais neste eido. Por iso, do 31 de marzo ao 4 de abril, os postos participantes ofrecerán a través do Facebook e do Instagram unha serie de produtos con encaixe que contarán con ofertas especiais nesas datas.

Por outra banda, cada colección participante elaborará un vídeo coa finalidade de mostrar os seus deseños coa aplicación do encaixe. O que non cambia con respecto ao ano pasado é a plataforma de emisión, a Mostra Virtual difundirase a través da páxina de Facebook da Mostra, do Instagram e tamén da canle de Youtube.

Outra das novidades que se presentan nesta segunda edición son as datas. Como non podía ser doutro xeito, haberá Mostra Virtual en Semana Santa xa que do 31 de marzo ao 4 de abril serán os participantes no certame de Jóvenes Deseñadores os que difundan as súas novidosas creacións. Xa no mes de setembro, e coa intención de funcionar como antesala á XXX Mostra do Encaixe que se celebrará en outubro, publicaranse os vídeos dos Grandes Deseñadores e do Artencaixe.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, agradeceu “o esforzo do departamento da Mostra por idear, outro ano máis, o xeito de que non tivésemos unha Semana Santa sen encaixe e así seguro que se fará máis corta a espera ata outubro”.

Pola súa parte, a concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro, destacou a importancia de “manter viva a tradición xa que en todo o país e sobre todo en Galicia a Semana Santa sempre se relaciona coa Mostra do Encaixe e non podemos perder ese sentimento”.

Por último a directora da Mostra, Dolores Lema, quixo destacar que “tal e como está deseñado este evento virtual, permitirá comercializar e promocionar o encaixe, un elemento fundamental na economía familiar da nosa comarca”.

Mostra do Encaixe Virtual

A Mostra do Encaixe Virtual naceu no 2020 como alternativa ante a suspensión da trinta edición do evento físico debido ao contexto sanitario xerado pola expansión da COVID-19.

Naquel momento implicouse a todos os colectivos implicados no funcionamento habitual do evento. Elaborouse unha programación por bloques, seguindo unha estrutura similar á que podería ter o calendario habitual do evento, e que incluía franxas específicas para Grandes Deseñadores, Jóvenes Deseñadores, Artencaixe, Pequencaixe, Xuntanzas Palilleiras, Delegacións Internacionais, Empresas, Artistas, Voluntarios, Stands e Medios de Comunicación.

O Departamento da Mostra do Encaixe pediulles a todos estes colectivos
que enviasen os seus vídeos presentándose e transmitindo ánimo e forzas
para volver a reencontrarse e afrontar aínda con máis gañas a trinta edición
do evento.

Os datos que foron espectaculares. Unha audiencia de 237.962 usuarios que visualizaron desde os seus fogares os 175 vídeos que se sucederon desde o mércores ata o domingo.

Camariñas comercializará o encaixe e presentará desfiles na rede na II Mostra do Encaixe Virtual

XXXIV Mostra do Encaixe

XXXI Concurso de Jóvenes Diseñadores

Esta web utiliza cookies. Podes ver aquí a Política de Cookies. Se continúas navegando estás aceptandoa.    Ver
Privacidad