A Mostra do Encaixe Deputación da Coruña deu a coñecer esta mañá a programación para a súa triséxima edición, que se celebrará do 8 ao 12 de outubro de 2021 e que se inaugurará o propio venres ás 17:00 horas coa celebración dun acto institucional.
Ese mesmo día haberá ás 15:30 horas un encontro de encaixeiras e encaixeiros da Costa da Morte con obsequio do Grupo Cerdeimar, onde participarán as Escolas Infantís Municipais. Ás 18:00 horas será o desfile PequEncaixe, para dar paso posteriormente á presentación da pasarela de firmas co modelo internacional Damián Álvarez. Pecharase a xornada ás 21:00 horas.
Para a segunda xornada, que dará comezo o sábado 9 de outubro ás 11:00 horas, está previsto un novo encontro de encaixeiras e encaixeiros e para as 12:30 agárdase a toma de contacto dos Noveis Deseñadores coa pasarela. Xa pola tarde, o segundo grupo desfilará ás 16:00 horas e ás 17:30 horas tomarán a pasarela as e os participantes na sección ArtEncaixe e “De Mujer a Mujer”, da ONG Egueire. Ás 19:30 horas celebrarase o desfile de Grandes Deseñadores.
A xornada dominical comezará novamente ás 11:00 horas cun encontro de encaixeiros e encaixeiras, e haberá lugar para un recoñecemento ás palilleiras que participaron nas trinta edicións desta Mostra. Ás 11:30 horas presentarase a plataforma de venda en liña do Concello de Camariñas: MerCamariñas. Ás 12:15 horas presentarase a equipación do conxunto Mostra do Encaixe Balonmán Camariñas cun recoñecemento a Alan Fuentes pola súa traxectoria no Club Balonmán Camariñas.
Este acto dará paso ao desfile PequEncaixe e, a continuación, a o de Grandes Deseñadores. Ás 17:00 horas, quenda para o desfile “Noveis Deseñadores A” coa presenza do xurado, e ás 18:30 horas, desfile dos “Noveis Deseñadores B”, tamén coa presenza do xurado, composto por nomes ilustres no deseño a nivel internacional. Ás 20:00 horas terá lugar o encontro ‘Falemos de moda’ entre grandes e noveis deseñadores. Pecharase a xornada ás 21:00 horas.
Para o derradeiro día desta XXX Mostra do Encaixe Deputación da Coruña, abrirán novamente ás 11:00 horas as encaixeiras e encaixeiros co seu encontro. O desfile de “Noveis Deseñadores A e B” está programado para as 12:00 horas e posteriormente entregaranse os premios do XXVII Concurso de Noveis Deseñadores. Ás 17:00 horas entregaranse os diplomas aos stands participantes e ás 17:30 horas desenvolverase o desfile ArtEncaixe e “De Mujer a Mujer”, da ONG Egueire. Ás 18:00 horas entregaranse os agasallos de Mez-Fabra e do Concello de Camariñas ás Escolas Infantís Municipais.
Ás 18:30 horas entregaranse os premios do Torneo de Xadrez Mostra do Encaixe e ás 19:30 horas celebrarase o acto de agradecemento aos participantes nas gravacións dos vídeos promocionais da II Mostra Virtual. Haberá desfile PequEncaixe, de Encaixeiras Sénior e de Grandes Deseñadores. Está previsto pechar o acto coa presentación do cartel da XXXI Mostra do Encaixe e a interpretación da camariñana Belém Tajes.
Dous pavillóns
Nesta edición, a Mostra contará con dous edificios modulares adicionais. O pavillón A acollerá a exposición homenaxe aos stands internacionais e a colección de Yolanda Román, gañadora do 1º Premio do XXVI Concurso de Noveis Deseñadores e tamén da mostra “Modo de traballar o liño” da AVP O Santiaguiño de Zas.
No pavillón B haberá unha exposición retrospectiva adicada aos carteis de promoción da Mostra do Encaixe, actuacións folclóricas, servizo de cafetería e obradoiros artesanais para nenas e nenos. O martes 12 de outubro, os e as asistentes poderán observar unha proxección 3D sobre o Encaixe e o Concello de Camariñas, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas.