‘Camariñas Sorprende’, a reivindicación da XXXIII Mostra do Encaixe durante a Semana Santa

Inauguración XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas Yolanda Díaz 00004
Inauguración XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas Yolanda Díaz 00004
Hoxe tivo lugar a inauguración oficial do evento, na que cortaron a cinta a alcaldesa de Camariñas, a vicepresidenta segunda do Goberno e o director xeral de Comercio. Sandra Insua salientou que “hoxe en día a Mostra e o encaixe son sinónimos de modernidade” e tamén que “en certo modo a Mostra é un acto de reivindicación do que é o feminismo, estamos rodeadas de mulleres talentosas, valerosas, fortes, empoderadas e boas”.
Picture of Redacción
Redacción

Equipo de prensa da Mostra do Encaixe de Camariñas

Arrinca a XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, unha edición que se celebrará desde hoxe, mércores 27 de marzo, ao domingo 31 de marzo e que co lema ‘Camariñas Sorprende’ quere reivindicar o encaixe como un elemento de valor para coñecer o municipio, ao igual que as festas, as tradicións, as paisaxes e a gastronomía.

Nesta edición a declaración de intencións é clara: amosar que hoxe en día a Mostra e o encaixe son sinónimos de modernidade e vangarda. O obxectivo é por un lado, atraer ao público máis mozo, e, polo outro, poñer o foco na vertente da moda máis que na da artesanía, que tamén está recoñecida. Un obxectivo desde o que se ideou o propio cartel, obra do deseñador galego afincado en Marbella, Esteban Freiría, buscando un cambio de tendencia e imitando ás cabeceiras máis recoñecidas das revistas de moda.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, a vicepresidenta Segunda do Goberno, Yolanda Díaz, e o director xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Manuel Heredia, foron os encargados de cortar a cinta de encaixe que, simbolicamente, dá o pistoletazo de saída á Mostra.

Sandra Insua cualificou á Mostra como “unha homenaxe ao encaixe, unha festa para lembrar e poñer en valor o que somos, un pobo tecido, puntada a puntada, polas milagrosas mans dunhas mulleres con maiúsculas. As nosas palilleiras, un símbolo que transcende fronteiras e que viaxa, de xeración en xeración, para converterse en inmortal”. 

No seu discurso, a rexedora tamén quixo salientar que “hoxe en día a Mostra e o encaixe son sinónimos de modernidade” e  que “en certo modo é un acto de reivindicación do que é o feminismo, estamos rodeadas de mulleres talentosas, valerosas, fortes, empoderadas e boas, mulleres que foron capaces de transformar un elemento destinado á intimidade do fogar nunha peza de vangarda, que hoxe en día usan as grandes firmas de moda para darlle valor ás súas prendas”. 

Ademais, Insua quixo facer unha “pequena e humilde homenaxe homenaxe á persoa que fixo posible que hoxe esteamos aquí: o noso querido e añorado Juan Bautista Ramos, alcalde de Camariñas, pero sobre todo un estupendo amigo, que fundou, aló polo ano 1991, a Mostra do Encaixe de Camariñas”. “A Mostra é o que é hoxe grazas á semente que el plantou no noso pobo e, por que non dicilo, eu son o que son hoxe como política e como persoa grazas ao que aprendín ao su carón”, afirmou.

Tamén agradeceu a presenza da vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz e confesou que “sorprendeunos a devoción polo noso encaixe que amosaches cando te coñecemos en FITUR”. “Grazas por aceptar a nosa invitación e tamén por lucir publicamente o encaixe de Camariñas”, engadiu.

Pola súa parte, Manuel Heredia salientou a colaboración da Xunta de Galicia “para que esta Mostra poida ser un escaparate da artesanía galega” e deu os parabéns “ao Concello por impulsar un evento que é cita obrigada en Galicia cando se fala de moda”. “Estamos seguros de que esta edición sorprenderá e agardamos que supere todas as expectativas”, indicou.

Por último, Yolanda Díaz destacou que “o país faise desde concellos como este e desde lugares tan fermosos como Camariñas” e confesou a “emoción e pracer que supón para min estar hoxe aquí nunha ocasión tan especial”. “Galicia é a miña terra, o lugar que amo, e Camariñas forma parte do moito que amo de Galicia”, comentou.

“Tedes un dos eventos culturais máis fermosos, populares e orixinais que poden existir, un evento que define a Camariñas no mundo e que está intimamente relacionado co carácter feminino que ten Galicia, é o feminismo feito carne”, espuxo a vicepresidenta, que rematou o seu discurso destacando que “Camariñas é a capacidade, o talento e a lucidez para ser capaz de fiar unha tradición histórica. Camariñas é unha referencia no mundo”.

Despois da pertinente visita aos diferentes postos e stands que se ubican nos dous pavillóns municipais acondicionados para a ocasión, as autoridades presentes presenciarán o desfile do ‘Pequencaixe’ e, para rematar, acudirán á pasarela inaugural da Mostra, no que as firmas participantes amosarán por primeira vez as coleccións que prepararon para a Mostra co encaixe como protagonista. Os desfiles inaugurais estarán amenizados pola música de Lucía Pérez. 

XXXIII Mostra do Encaixe

Durante os cinco días as firmas da categoría de ‘Grandes Deseñadores’, que se irán desvelando nos próximos días, subiranse ás pasarelas da Mostra para amosar as súas creacións con encaixe. Participan: Ana Cabranes, Anamingo, Claudina Mata, Devota & Lomba, Dolores Cortés, El Pulpo, Esteban Freiría, José Matteos e Sara Lage.

Ademais, terá lugar tamén o XXX Concurso de Noveis Deseñadores no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios e participarán un total de 35 mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda. O venres 29 ás 20:30 horas celebrarase o encontro entre grandes e noveis deseñadores e o domingo 31, a partir das 19:30, horas darase a coñecer o fallo do xurado.

O desfile de ‘ArtEncaixe’, que sigue afianzándose na programación, estrearase o xoves, 28 de marzo, ás 12:45 horas. Os artesáns, que tamén se irán coñecendo nos próximos días, chegarán de diferentes puntos de Galicia para demostrar que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais. Participan: Alfarería La Cacharrera, Estilo Aramar, EASD Mestre Mateo, Lola Logaro, Mar Barral, Obradoiro Tonio, Ondas do Mar, O Rulo, Suso Calo, Tendataller Feituras, Yelena Molina.

A gran novidade desta edición, o desfile ‘ReEncáixame’, poderá verse por primeira vez o xoves, 28 de marzo, e repetirá o venres, 29 de marzo, e o sábado, 30 de marzo. Participan: Eli Conde, Kabus, Luz Prado e Yolanda Román. 

Outro ano máis volverán á Mostra as delegacións internacionais. O venres 29 ás 12:45 horas terá lugar o primeiro desfile das ‘Delegacións de encaixeiras internacionais’. Repetirán o sábado 30 ás 18:00 horas. Participan: Bulgaria (Sofía), Eslovaquia (Krakovani), Francia (La Turballe), Gran Canaria (Ingenio), Italia (Gubbio), Italia (Novedrate), Italia (Trapani), Polonia (Bobowa), Portugal (Peniche), Portugal (Serra d’ el Rei), República Checa (Palickovani).

Un dos momentos máis agardados da Mostra son os desfiles do ‘Pequeencaixe’. As nenas e nenos das Escolas Municipais crean o seu propio encaixe durante todo o curso para posteriormente deseñar os vestidos e desfilar na Mostra. Convértense en palilleiras, deseñadores e modelos. Ademais, este ano recibirán o sábado, 30 de marzo, unha visita moi especial, a dos Bolechas, que editaron unha publicación especial, co encaixe como protagonista, ‘Os Bolechas veñen aprender a palilllar en Camariñas’, que entregarán ás alumnas e alumnos da Escola. 

O mesmo ocorre no desfile de ‘Encaixeiras Senior de Camariñas’ que terá lugar o domingo 31 ás 19:30 horas durante o acto de clausura do evento e no que veciñas e veciños do municipio amosan ao público as creacións que fixeron durante todo o ano.

Lucía Pérez, Carlos Blanco, Hydn e Astarot e outras accións destacadas da programación

Este ano os asistentes poderán gozar da música de Lucía Pérez (o mércores 27 ás 18:30 horas horas durante o desfile inaugural da Mostra) e rirse a esgalla con Carlos Blanco nun monólogo que terá lugar o sábado, 30 de marzo, ás 20:30 horas na propia pasarela. 

Durante os cinco días escoitarase nos pavillóns da Mostra, mesturado co son dos palillos, o folclore das agrupacións Abrindo Rejo, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e  Asociación As Cansorriñas. Tamén o VII Encontro de Corais no que participarán a Coral Polifónica Santa María de Cambre, a Coral Oliveira do Monte Branco e a Coral Brisas do Mar de Camariñas (domingo 31 ás 12:00 horas).

Aproveitarase o evento para a presentación de libros como ‘Querida Camariñas… Lo que debí decirte’ de Ainhoa Conde (xoves 28 de marzo ás 11:50 horas), ‘Tres Imperios’ de Alfonso de Sas (xoves 28 de marzo ás 12:20 horas), ‘Camariñas meu curruncho e Beldoña miña barca’, de Antonio Puertas Lema (venres 29 de marzo ás 12:00 horas) e ‘O pracer da chuvia’ de Manuel Vázquez (venres 29 de marzo ás 12:20 horas).

O acto de clausura da XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas terá lugar o domingo 31 de marzo ás 19:30 horas.

‘Gourmet entre encaixes’

O Concello estreará un novo concepto na XXXIII Mostra do Encaixe De Camariñas Deputación da Coruña: o ‘Gourmet entre encaixes’, un espazo dedicado ao sector alimentario no que se poderán instalar food trucks e outro tipo de postos de venta ao público.

Esta nova zona, na que tamén se situará o bar da Mostra, terá unha decoración ambiental especial e contará cun espazo con mesas e cadeiras para que o público asistente á Mostra poida degustar alí mesmo os produtos que merque.

Durante toda a Mostra tamén haberá degustacións gastronómicas de polvo, a cargo de Frigoríficos de Camariñas (o venres 29 de marzo ás 19:30 horas) e de rodaballo, a cargo de Stolt Sea Farm (o sábado 30 de marzo ás 14 horas).

Tamén haberá demostracións artesanais e os pais e as nais poderán deixar aos máis pequenos no Parque Infantil con monitores cualificados.

Noticias relacionadas

Suscríbete a nosa newsletter

Entérate de todo o mundo da mostra

Esta web utiliza cookies. Podes ver aquí a Política de Cookies. Se continúas navegando estás aceptandoa.    Ver
Privacidad