O Concello leva a FITUR ‘Un mar de piques’ para promocionar a Mostra e afianzarse como destino turístico

Presentación Mostra do Encaixe de Camariñas en Fitur
Presentación Mostra do Encaixe de Camariñas en Fitur
Picture of Redacción
Redacción

Equipo de prensa da Mostra do Encaixe de Camariñas

A Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se celebra do 22 ao 26 de xaneiro en IFEMA (Madrid) foi outro ano máis o lugar escollido polo Concello de Camariñas para presentar a XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruñas e, á vez, afianzar o municipio como destino turístico de referencia en Galicia.

Na presentación, realizada no stand de Turespaña, deuse a coñecer o cartel e o vídeo promocional da trixésimo cuarta edición da Mostra, que se celebrará do 16 ao 20 de abril baixo o lema ‘Un mar de piques’, unha mensaxe que busca salientar a forte conexión que existe na vila entre o mar e o encaixe, a natureza e a tradición. 

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explicou que “sempre estou moi orgullosa dos carteis e os vídeos que traemos aquí para promocionar o noso municipio e a nosa tradición pero esta vez faime unha ilusión especial presentárvolo”. “Representan perfectamente o que é Camariñas: un equilibrio entre o esforzo e a beleza, entre o mar e a terra, entre o pasado e o futuro”, destacou. 

“Non só estamos promovendo un evento, estamos celebrando unha forma de vida. Ao unir a nasa e a almofada de palillar, símbolo do traballo diario e da creatividade, quixemos capturar a esencia do que significa ser camariñán”, explicou. 

A rexedora salientou que “tanto o vídeo como o cartel están feitos integramente por persoas de Camariñas e da Costa da Morte, quen mellor que a nosa xente para falar de nós. Persoas con talento que amosan que, desde o noso recuncho, como fixeron no seu momento as palilleiras, podemos crear produtos dun valor incalculable”.

“Como moitos saberdes, Camariñas é un paraíso. É a palabra que atopamos para describir dun mellor xeito unha beleza de tal calibre. Camariñas está feita de encaixe e tamén é mar, valente e fermoso, é terra, con praias infinitas e paisaxes impoñentes, todo bañado por un ceo de estrelas que nos permitiu ser destino Starlight e sempre vixiados polo noso gardián: o faro Vilán, lenda do noso pobo”, indicou.

Insua fixo aproveitou a súa intervención no stand de Turespaña para presentar a camiseta oficial da trixésimo cuarta edición da Mostra, que este ano volve a ser obra do deseñador galego afincado en Marbella, Esteban Freiría, e na que, facendo referencia ao slogan, represéntase un mar de piques.

‘Un mar de piques’ en Semana Santa

Como nos últimos anos, tamén se presentou en FITUR o cartel e o vídeo promocional da XXXIV edición da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que se celebrará en Semana Santa, do 16 ao 20 de abril baixo o lema ‘Un mar de piques”.

O obxectivo que se buscou durante o proceso creativo destas pezas foi reflectir, nun relato visual, o esforzo e a beleza dos dous piares fundamentais da vila, o encaixe e o mar, tecendo unha narrativa que fala do traballo diario, da dedicación e do amor pola terra, destacando as mans que coidan, crean e transforman. 

O Concello leva a FITUR ‘Un mar de piques’ para promocionar a Mostra e afianzarse como destino turístico

O guión do vídeo, creado polo camariñán Diego Alonso Freire, desenvólvese ao redor dunha parella real de Camariñas: ela, Silvia Tedín González, administrativa e palilleira; el, Sergio Vidal Campaña, patrón e armador dunha embarcación de baixura. As súas rutinas, cheas de esforzo e dedicación, serven como reflexo das vidas de moitas outras persoas do concello. A peza culmina cunha imaxe simbólica que representa a unión entre o mar e o encaixe: unha nasa e unha almofada de palillar entrelázanse nun só obxecto, unha verdadeira declaración de amor á cultura camariñana. 

A gravación buscou capturar a beleza dos escenarios que ofrece o municipio. Cada plano foi coidadosamente pensando para mostrar recunchos significativos da vila de Camariñas, desde a estatuta da palilleira ata o Museo do Encaixe, as letras de benvida de CAMARIÑAS, as tendas de encaixe e o porto pesqueiro, combinados con escenas reais da faena no mar.

Para dar vida a esta idea, a ilustradora Laura Suárez foi a encargada de crear o cartel. Veciña de Cee e recoñecida internacionalmente, Laura capturou con mestría o espírito da Mostra. A súa obra non é só un cartel, senón unha peza de arte que une o tradicional e o contemporáneo, destacando a fusión perfecta entre a almofada e a nasa, como símbolo da simbiose entre o mar e a terra. 

Sandra Insua, a alcaldesa de Camairñas, na presentación da XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas
Sandra Insua, a alcaldesa de Camairñas, na presentación da XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas

Os xeniais músicos camariñáns, os irmáns Fran e Carlos Barcia Trashorras, crearon unha banda sonora que é moito máis que un acompañamento. A súa composición combina as ondas do mar co son dos bolillos. Ademais, Carla Valiña, camariñana de Buría, puxo a súa voz ao proxecto para locutar ao final do spot o slogan do mesmo: ‘ Camariñas, un mar de piques’.

A alcaldesa sinalou que “A XXXIV Mostra do Encaixe seguirá na liña dos últimos anos, apostando pola innovación e integración do encaixe nas diferentes artesanías galegas ademais dos desfiles de moda coa presenza dalgúns dos mellores deseñadores e deseñadoras do país e tamén das promesas do mundo do deseño co concurso de jóvenes deseñadores”. 

A soprano Soledad Vidal, banda sonora da Mostra

Durante a súa intervención, Sandra Insua anunciou que “este ano na Mostra contaremos cunha invitada moi especial, a coñecida soprano Soledad Vidal, veciña de Camelle, que, xunto co pianista Aurelio Viribay, presentarán o seu recital ‘Cantares Atlánticos’”. 

A través da poesía galega e de imaxes evocadoras, as cancións -como “María Soliña” ou “Lela”- van trenzando diferentes historias de superación. O público acompañará ós intérpretes nunha viaxe conmovedora na que se fai homenaxe a todas esas mulleres que, máis alá da dor e a perda, constrúen as súas vidas con valentía; o retrato dunha Galicia, dun pobo que é capaz de mirar a súa sombra, a súa “Negra Sombra”, para poder celebrar a vida.

O Concello leva a FITUR ‘Un mar de piques’ para promocionar a Mostra e afianzarse como destino turístico
Esta web utiliza cookies. Podes ver aquí a Política de Cookies. Se continúas navegando estás aceptandoa.    Ver
Privacidad