31.000 espectadores na inauguración da Mostra do Encaixe virtual

Captura da canle de Youtube da Mostra do Encaixe de Camariñas
Captura da canle de Youtube da Mostra do Encaixe de Camariñas
A inauguración oficial tivo lugar a partir das 16 horas e os vídeos sucedéronse ata a última hora da noite. A alcaldesa Sandra Insua encargouse de cortar a cinta de encaixe virtual. A programación continuará organizada por bloques ata este domingo, 12 de abril.
Redacción
Redacción

Equipo de prensa da Mostra do Encaixe de Camariñas

Share on whatsapp
Share on facebook
Share on linkedin
Share on twitter

A xornada inaugural da primeira Mostra do Encaixe virtual da historia foi todo un éxito. Un total de 31.700 persoas visualizaron desde os seus fogares os 18 vídeos que se sucederon desde as 16 horas no Facebook da Mostra e na canle de Youtube do evento.

A inauguración oficial correu a cargo das autoridades, como é habitual. A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, encargouse de cortar unha cinta de encaixe virtual para dar a saída a edición máis peculiar que se recorda da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña.

Sandra Insua transmitiu no seu vídeo que “a trinta edición da Mostra do Encaixe vaise a celebrar no ano 2021 e intentaremos que sexa unha das mellores Mostras da historia” e animou á xente a “quedar na casa e desfrutar da Mostra”.

Pola súa parte o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que “non renunciamos á celebración da Mostra e facémolo a través dos medios tecnolóxicos, que son perfectamente complementarios co espírito da Mostra e co oficio de palillar”.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, eloxiou a idea de “facer a Mostra de xeito virtual para poder vela en todo o mundo” e a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, lembrou que “tiña que ser unha edición especial por acadar o trinta aniversario pero esta tamén será recordada por ser a primeira Mostra Virtual”.

Sol Vázquez, a directora xeral de Comercio, destacou a importancia deste tipo de iniciativas nun momento no que “estamos todos separados pero en realidade estamos máis unidos ca nunca” e Elena Fabeiro, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, quixo dar o seu agradecemento “a todas as persoas que fan posible a Mostra, moi especialmente a todas as palilleiras e ás pequenas e pequenos da escola municipal do palillo, que son o futuro”.

Tamén participaron nesta inauguración oficial o primeiro tenente de alcalde de Camariñas, Sergio Caamaño; a concelleira de Comercio de Camariñas, Lara Pasantes; o concelleiro de Deportes de Camariñas, Fabián Canosa; o portavoz do PP de Camariñas, Mauro Aufiero; a portavoz do BNG de Camariñas, Ilva Carril; a vicepresidenta de Peniche (Portugal), Ana Rita Petinga; o alcalde da Autarquía de Serra D’El Rei (Portugal), Jorge Amador; e o alcalde de Novedrate (Italia), Stefano Grassi.

Despois da inauguración chegou a quenda de Damián Álvarez, o modelo internacional natural de Vimianzo que é o protagonista do cartel e o spot oficial da XXX Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña e que tampouco quixo perderse este evento virtual.

Seguírono as aparicións do coñecido deseñador e presidente da Asociación de Creadores de Moda Españoles (ACME) Modesto Lomba e, para rematar, comezou o desfile de Grandes Deseñadores con Amaya Fernandez Blanco e Esteban Freiria.

A programación continuará, organizada por bloques, ata este domingo, 12 de abril.

#IinformMyself