Eli Conde e Yolanda Román volven a Camariñas para participar no novo desfile ‘ReEncaixame’

Eli Conde, que participou no ano 2021, reinterpretará a súa colección ‘Victoria’. Yolanda Román, que participou nos anos 2012 e 2019, vai reinterpretar a colección ‘Encaixa o postapocalipse’, do ano 2012. A finalidade deste desfile é incentivar aos deseñadores e ás deseñadoras a reinterpretar unha colección non actual reutilizando tanto os tecidos como o encaixe de Camariñas.
Picture of Redacción
Redacción

Equipo de prensa da Mostra do Encaixe de Camariñas

Chegan as primeiras confirmacións de participantes para o novo desfile ‘ReEncaixame’, que se estreará na XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña e que é unha aposta clara pola sustentabilidade na artesanía e na moda, neste caso buscando fomentar a reutilización do encaixe. Son as deseñadoras Eli Conde, de Vilagarcía de Arousa, e Yolanda Román, de Vigo. 

Eli Conde participou no Concurso de Jóvenes Deseñadores no ano 2021, na XXVII edición do concurso, que será lembrada por ser a única Mostra do Encaixe que celebrou fóra de Semana Santa, no mes de outubro concretamente, por mor da pandemia. 

A deseñadora vilagarciana reinterpretará a súa colección Victoria. “Utilizo a base e logo estou facendo cambios, a uns vestidos engádolles unha manga e fago un tocado novo, a outros póñolles unha capa, unha falda…”, explica. Tamén destaca a facilidade de reutilizar o encaixe xa que “despois de varios anos, segue intacto, en perfecto estado, eu tinguino nalgunhas pezas, tiven que lavalo, e aínda así aguanta e segue impecable” e engade que “o meu fillo de 19 anos está traballando coas pezas de encaixe que vou a usar nesta colección, para min é un orgullo”.

Yolanda Román participou no Concurso de Jóvenes Deseñadores nos anos 2012 e no 2019, nas XVIII e XXV edición do concurso. Nesta ocasión está a reinterpretar a colección que presentou no ano 2012, ‘Encaixa o postapocalipse’, despezando as pezas para poder crear novas prendas. 

Para Yolanda está a ser un traballo “un pouco estresante, porque ó reinterpretar reutilizando tés que adaptarte ás pezas da colección, só podes traballar co que xa tés, e son elas as que poñen os límites”. Aínda así admite que o encaixe reutilizado “é un material co que se traballa moi ben”.

‘ReEncaixame’

A finalidade do desfile é incentivar aos deseñadores e ás deseñadoras a reinterpretar unha colección non actual reutilizando tanto os tecidos como o encaixe de Camariñas. Deben amosar como reinterpretan e transforman as prendas nunha nova colección cun enfoque de reutilización de materiais e redución de desperdicio.

Participan persoas que, sendo ou non profesionais da moda, participasen no Concurso de Jóvenes Deseñadores da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña nalgunha das súas 29 edicións.

A concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, explica que “o que buscamos é demostrar que o encaixe é unha artesanía de calidade que pode ser reciclado sen ningún tipo de problema noutras prendas, reducindo así o posible impacto ambiental negativo”.

XXXIV Mostra do Encaixe

XXXI Concurso de Jóvenes Diseñadores

Esta web utiliza cookies. Podes ver aquí a Política de Cookies. Se continúas navegando estás aceptandoa.    Ver
Privacidad