A mañá da xornada de venres da XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña estivo marcada pola presentación do libro ‘Vía Céltica. Os camiños de Santiago por Santa Comba’, que inclúe a Camariñas como un dos puntos de paso deste itinerario de peregrinación.
No acto, celebrado na pasarela habilitada para os desfiles, participou a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, o presidente da Asociación Costavales, editora da publicación, Manuel Amigo; e o coautor do libro, Joám Evans Pim.
O proxecto, polo que o Concello de Camariñas aposta forte, avanza a pasos axigantados e a finais do ano 2021 incorporouse ás rutas oficiais de peregrinación xa que a Catedral a autorización da Compostela a aqueles peregrinos que realicen a Vía Céltica.
A rexedora destacou que “temos argumentos que nos din que pode formar parte do Camiño de Santiago e vamos a ir con todo porque isto pode ser un filón e un revulsivo para Camariñas e para o sector da hostalería e do comercio”.
Pola súa parte, Manuel Amigo salientou a rapidez coa que avanza esta alternativa do Camiño xa que “en dous anos conseguimos a Compostela, algo que outras tardan ao redor de 15 anos” e adiantou que “agora tócanos sinalizalo e promocionalo a través de andainas e eventos para que a xente o coñeza”.
Por último, Joám Evans Pim, explicou como se iniciou e avanzou na investigación para chegar a formar parte este sólido proxecto de itinerario xa que “era moi importante ter unhas boas evidencias e un bo sustento porque sabemos que hai moitos camiños de Santiago e moitas tentativas”.
A ruta de Camariñas comeza pola propia vila de Camariñas e sigue pola Fonte Barreira, O Cruceiro, Xaviña, Tasaraño, A Piosa, Dor, O Allo e Ponte do Porto para xa seguir por Cereixo, Leis de Nemancos, Sendón, Quintáns e conectar co camiño de Muxía a Santa Comba.
Hai moitas evidencias de que este percorrido era un dos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela. Na publicación destácase a arquitectura xacobea (axadrezado), os hospitais, a tradición oral e milagres xacobeos que aínda se conservan ou moita documentación.
O coautor do libro detallou os próximos pasos que acometerán: delimitación precisa dos trazados, levantamento documental sistemático, rexistro audiovisual de tradición oral, catalogación de bens culturais asociados aos camiños, sinalización sobre o terreo e elaboración de guías e itinerarios.