O público tiña ganas de Mostra, e nestes 5 días notouse. O evento, que converte a Camariñas en capital da moda por uns días, mudou de datas pero non de esencia e, pesar do Protocolo COVID deseñado pola organización, con redución de aforamento, foron ao redor de 10.000 as persoas que se achegaron á Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña máis agardada de todos os tempos.
Na xornada de clausura, trala entrega dos premios do XXVII Concurso de Noveis Deseñadores, o público volveu a encher o pavillón de desfiles para presenciar o ben que o fan as encaixeiras sénior e os rapaces e rapazas do PequEncaixe, un fermoso intercambio xeracional no que, sobre a pasarela, se deron o relevo o presente e o futuro do encaixe de Camariñas.
Ademais, os asistentes tamén puideron desfrutar das pezas de artesanía con aplicación de encaixe que se amosaron na nova sección de ArtEncaixe, un novo desfile que, tralo éxito acadado, parece que chega á Mostra para quedarse. Non faltaron os Grandes Deseñadores, que se despediron de Camariñas e do público ata a seguinte Mostra realizando un último pase, cargado de festa e emoción.
A concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, agradeceu no seu discurso a “todas as persoas que traballaron a reo e se implicaron para que todo saíse ben” e deu por clausurada “a Mostra máis agardada, que 600 días despois foi unha realidade”. “Estou segura de que, cando pasen 30 anos, seguirase vivindo coa mesma ilusión”, afirmou.
Cartel da XXXI Mostra do Encaixe
Ao remate, presentouse o cartel da XXXI Mostra do Encaixe, que se celebrará do 13 ao 17 de abril de 2022 e na que xa se agarda recuperar a total normalidade e, entre outras cousas, poder volver a recibir ás Delegacións Internacionais que tanto se botaron de menos nesta edición.
O cartel combina a tradición do encaixe, representada polos palillos, coas fermosas paisaxes que ofrece Camariñas. Neste caso os palillos repousan no Monte Blanco con vistas ás praias de Trece ao fondo. “Coñécennos polo encaixe e queremos que tamén o fagan porque vivimos no paraíso”, destacou Encarna Liñeiro.
Recoñecemento ás Escolas de Palillo e Torneo de Xadrez
Por outra banda, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e os concelleiros e concelleiras Encarna Liñeiro, Sergio Caamaño e Fabián Canosa fixeron entrega duns agasallos aos nenos e nenas das Escolas de Palillo e tamén se encargaron da entrega de premios do III Torneo de Xadrez Mostra do Encaixe de Camariñas.