As firmas Silvereira e Noelia Peña serán dúas oportunidades máis para comprobar o efecto do Encaixe na artesanía, xa que ámbalas dúas firmas participarán na novidosa pasarela ArtEncaixe na XXX Mostra de Camariñas Deputación da Coruña.
A primeira achegará ata Camariñas unha colección exclusiva para este evento, ‘Madeiriñas’, conformada por varios conxuntos de xoiaría que combinan a madeira maciza, prata e o Encaixe de Camariñas. Para Silvereira é unha “oportunidade” o poder participar no triséximo aniversario da Mostra porque “se pon en valor a artesanía galega”. “O Encaixe sempre foi un referente neste ámbito e son pezas que se transmiten de xeración en xeración con orgullo e sempre están de actualidade”, sinalan. Cabe destacar que a primeira colección Sivereira de xoiaría en madeira e prata naceu na Mostra do Encaixe celebrada no ano 2010.
Pola súa banda, Noelia Peña amosará en Camariñas a súa colección de xoias inspirada nun barroco medieval, que se caracterizan por un gran tamaño e un predominio da cor dourada. Estas pezas serán principalmente colares, pendentes e bolsos. Para ela será a primeira vez que participe na Mostra e amósase “tremendamente feliz. É un reto porque empregarei o Encaixe na miña colección e estou desexando que chegue o día”, admite.
Nesta edición tamén se celebrará o ‘I Torneo de Xadrez Mostra do Encaixe Camariñas’ o martes 12 de outubro de 2021, no pavillón da Ponte do Porto. Haberá roldas con 7-8 partidas de dez minutos por xogador. Para formalizar as inscricións pódese chamar ao teléfono 617 234 393 ou no enderezo pokeryajedrez@gmail.com, ata o 11 de outubro. As bases completas pódense consultar en www.pokeryajedrez.com. Será válida para o V Circuíto Internacional de Xadrez Deputación da Coruña 2021.
Pleno para investir fillo predilecto a Blanco Campaña
O día 8 de outubro ás 16:00 horas celebrarase un Pleno extraordinario da corporación do Concello de Camariñas para nomear fillo predilecto a Xosé Luis Blanco Campaña. Será antes da inauguración oficial.