Os complementos e a inspiración mariña toman a pasarela do ArtEncaixe con Ana Trasariz e Estilo Aramar

A pasarela do ArtEncaixe da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña continúa desvelando as propostas que encherán de creatividade e vangarda o pavillón Víctor Vigo esta Semana Santa. Nesta ocasión, confírmase a participación de dúas firmas que apostan polos complementos como pezas centrais: a artesá Ana Trasariz e a marca Estilo Aramar, dirixida por Viviana Araujo.

Para a vimiancesa Ana Trasariz, participar por primeira vez nos desfiles da Mostra supón asumir unha gran responsabilidade como artesá, pero tamén unha honra enorme. “Faime moitísima ilusión porque é unha tradición moi arraigada na zona e que se valora en todas as partes do mundo. Tanto é así que as grandes marcas quixeron incorporalo nas súas coleccións, polo que é unha honra poder incluílo nos meus deseños”, sinala.

A creadora, que volverá a ter stand propio, preparou unha estratexia dobre para a súa presenza en Camariñas. Por unha banda, presentará unha colección exclusiva para o desfile de ArtEncaixe conformada por bolsos de ombreiro, bandoleiras e bolsos de man cun deseño “máis rechamante e enfocado á pasarela”. Pola outra, no seu stand porá á venda unha liña moito máis funcional e pensada para o día a día, con tote bags e accesorios para móbiles ou chaves.

O gran reto técnico de Trasariz foi integrar o encaixe sen que o bolso perda funcionalidade, coidando ao máximo a colocación dos apliques para que o fío “non estea exposto a roces continuos nin vaia posto directamente nunha cremalleira”.

A súa principal mensaxe sobre a pasarela será reivindicativa: “gustaríame romper un pouco con esa idea de que o encaixe é algo antigo ou que só se ve no mantel da avoa. A Mostra leva anos demostrando que hai moitísimo talento e creatividade, e o encaixe é moito máis ca iso. Oxalá esta colección sirva de inspiración para outra xente que está empezando no mundo da moda”, conclúe.

A riqueza do mar e os ‘total looks’ de Estilo Aramar

Pola súa banda, a deseñadora Viviana Araujo volve un ano máis á pasarela de ArtEncaixe coa súa firma Estilo Aramar, apostando por unha visión integral da moda. Este ano non só presentará os seus habituais e espectaculares complementos, senón que os acompañará dos seus propios estilismos completos.

A súa colección será un despregamento de elegancia e variedade, incluíndo propostas como blusas e pantalóns combinados con pamelas, vestidos con toucados, blusóns con sombreiros e elegantes chalés. Ademais, Estilo Aramar tamén presentará propostas de moda masculina, con estilismos compostos por chaquetiña, cinto e pantalón.

O proceso creativo de Viviana Araujo destaca pola súa complexidade técnica, xa que cada peza elabórase utilizando disciplinas distintas que acaban sumando e integrando as puntillas de encaixe de Camariñas. “Empregamos algunha técnica utilizando tinguiduras, traballos en pluma e técnicas varias”, explica a deseñadora.

Todo este minucioso traballo artesanal e de deseño ten este ano un fío condutor moi claro e apegado ao territorio: “a intención é incorporar os encaixes coa riqueza do mar de Camariñas”, convertendo a pasarela nunha homenaxe visual á contorna da Costa da Morte.

Posts relacionados

Trinta e catro promesas da moda participarán no XXXII Concurso de Noveis Deseñadores da Mostra do Encaixe de Camariñas 

Trinta e catro promesas da moda...

Hoxe déronse a coñecer os noveis deseñadores finalistas deste evento, que pertencen a escolas de diferentes puntos de Galicia e…
Estefanía Orgaz e Pedro Orgaz convértense nos gañadores do XXXI concurso de Noveis Deseñadores coa colección Mitra

Estefanía Orgaz e Pedro Orgaz convértense...

Ritual de lume e sombra, de Yara González Barral, acadou o segundo posto do certame, mentres que Paint it colors,…
O encaixe traspasa fronteiras no desfile das Delegacións Internacionais da XXXIV Mostra do Encaixe

O encaixe traspasa fronteiras no desfile...

Chegan desde diferentes países: Arxentina, Bulgaria, Hungría, Italia, Portugal, Polonia e España. As voluntarias e voluntarios da Mostra son os…
gl_ESGL_ES
Logo-XXXIV-Mostra-do-Encaixe-min
Visión xeral da privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.