Hoxe, xoves 2 de abril, comezaron as presentacións literarias da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. Os autores protagonistas da xornada foron Nerea Pallares, coa súa obra ‘Punto de Araña’ e Anxo Mouzo, con ‘A Princesa Dourada’.
‘Punto de Araña’, de Nerea Pallares, xa foi galardoada co Premio García Barros. Esta obra mergúllanos nun relato mariñeiro e coral ambientado na nosa Costa da Morte, tecido coas voces de tres xeracións de mulleres. É unha verdadeira e fermosa homenaxe ás mans que traballan en silencio e que tecen as redes invisibles que nos sosteñen.
A alcaldesa, Sandra Insua, destacou que desde o Concello “sentimos moito orgullo de ver reflectida nesta obra a esencia da nosa xente e o espírito das nosas mulleres, algo que conecta profundamente co labor incansable das nosas propias palilleiras”.
Por outro lado, ‘A Princesa Dourada’, é a primeira novela do veciño de Camelle, Anxo Mouzo Moreira. Esta obra de fantasía xuvenil mestura maxistralmente a maxia e a épica coa vida cotiá da Costa da Morte. Nesta historia Xosé e Marica amosan que as grandes aventuras e os reinos fantásticos tamén poden nacer das nosas rúas e da nosa xente.
“Sentiamos un orgullo inmenso ao ver como as novas xeracións levan o nome da nosa terra á literatura e demostran a súa capacidade para crear mundos imaxinarios sen perder a raíz da súa terra natal. É un verdadeiro luxo apoiar e dar voz a creadores coma el”, indicou a rexedora.




Próximas presentacións
A programación literaria continuará o venres 3 de abril ás 12:00 horas coa presentación de ‘Ángeles acusadores’ a cargo do seu autor, Diego Garrote.
O sábado 4 de abril o recinto acollerá dúas novas citas. Ás 11:40 horas, Alfonso de Sas presentará ‘1898 – El padre ausente’, a última parte da triloxía de ‘El Cementerio de los Ingleses’. Por último, ese mesmo sábado ás 12:00 horas, presentarase ‘A Costa da Morte, naturalmente única’ de Xan Fernández Carrera e Antonio Fernández, un acto que correrá a cargo de Pepe Formoso.


