A Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que celebrará a súa trixésimo cuarta edición do 16 ao 20 de abril, suma talento a esgalla nos seus stands, nos seus espazos gastronómicos e tamén nas distintas modalidades de desfile.
Así, na Pasarela Deputación da Coruña poderemos ver pezas únicas da man de artesáns e artesás como Suso Calo, Josefina Campaña e Mariví Santos, que se suman ao resto de confirmacións para o ámbito do ArtEncaixe.
Lobo Tolo é un álter que Suso Calo se puxo para representar as súas pezas de xoiaría alternativa. Para elo, emprega materiais que non son comúns na xoiaría tradicional, como o óso, o titanio, o aceiro ou o bronce.
Na colección de 2025, a cuarta que presenta diante do público da Mostra, poderemos ver pezas inspiradas na mitoloxía. “O Encaixe achega unha variedade atractiva ás pezas de xoiaría, e cando lle colles un pouco de apego, flúe de xeito natural. Este ano para a pasarela volve a ser temática; os complementos decorativos desaparecen, os pendentes levarán apliques de Encaixe a medida, combinados con nácar, titanio e prata e romperá moldes con respecto ás anteriores”, afirma Suso Calo.

Ondas do Mar nace do desexo de expresar, a través do deseño, o que Galicia e a alma da autora, lle inspiran. Sempre rendendo tributo ás súas raíces, Josefina Campaña lembra ao mundo cunha nova mirada sen que perda un chisco da súa alma.
O encaixe de Camariñas é o centro de Ondas do Mar. A creatividade é a esencia desta firma, e iso fai que a integración de cada peza sexa natural, fluída e chea de significado. Cada creación nace do respecto pola tradición, pero tamén dunha mirada nova, libre e chea de forza.
“Este ano Ondas do Mar chega á Mostra do Encaixe con moito que contar, e aínda máis que sentir. Camariñas será, unha vez máis, o escenario onde a tradición e a fantasía vaian da man, con fíos que bailan e historias que se entrelazan. Só podo dicir que o Encaixe será protagonista, e que o corazón da nosa terra latexará máis forte ca nunca”, di a súa creadora.
Mariví Santos, palilleira de Porto do Son, é unha asidua á Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. Dedícase a ensinar e facer encaixe no seu obradoiro, Mariví Santos Atelier.
“Este ano faime especial ilusión participar por primeira vez como Mariví SantosAtelier, e presentar a miña propia colección. Apaixóame o Encaixe de Camariñas, pero o que máis me gusta é aplicalos en complementos de moda. Por iso a miña colección baséase en pezas onde, ademais do Encaixe, aplico outras técnicas, como sombrereiría, plumería ou o tinguido e moldeado de flores. Agardo que vos guste e vémonos na Mostra do Encaixe de Camariñas”, declara orgullosa Mariví.


