O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, asinaron hoxe o convenio polo que o ente provincial achegará 45.000 euros, o 45% do total, para financiar os gastos que xa estaban executados antes da súa cancelación no mes de marzo, por prudencia e responsabilidade, debido á declaración do Estado de Alarma.
Ademais, neste acordo tamén se inclúe o financiamento da primeira Mostra Virtual da historia, un acontecemento organizado polo Concello de Camariñas durante a Semana Santa para que non se perdese o espírito da Mostra, adaptándose ao confinamento obrigado derivado da pandemia da COVID-19.
A Deputación da Coruña e o Concello de Camariñas financiarán de xeito conxunto os case 100.000 euros de gastos que xerou a Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña 2020.
Un evento que tivo un gran éxito ao colleitar unha audiencia de 237.962 usuarios, que visualizaron desde os seus fogares os 175 vídeos que se sucederon desde o mércores ata o domingo no Facebook da Mostra (@mencaixedecamarinas) e na canle de Youtube do evento. Todos os protagonistas habituais da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña tiveron o seu oco nesta edición virtual.
“Quixemos apoiar ao Concello de Camariñas mantendo a mesma porcentaxe sobre o total de gastos que se viña aportando cando a Mostra se podía levar a cabo con normalidade”, explicou González Formoso que tamén lembrou que “no mes de febreiro redobramos a nosa aposta por este evento, que pasou a incorporar á Deputación na súa nomenclatura oficial, e a nosa idea segue sendo a mesma xa que o encaixe de Camariñas é patrimonio provincial”.
Pola súa parte, Sandra Insua agradeceu “á Deputación e ao seu presidente o esforzo que está a facer neste ano tan difícil porque sen este apoio económico sería moi difícil para nós facer fronte aos gastos que xa tíñamos da Mostra: a súa promoción, a montaxe ou a consignación dos premios do concurso de deseñadores mozos”.