José Matteos desdobra a súa creatividade na XXXV Mostra do Encaixe con MATTEÔS Bridal e ÔSE Couture

A colección nupcial chegará a Camariñas directamente dende a súa presentación en París, mentres que a liña conceptual porá o contrapunto explorando a súa dualidade cunha banda sonora exclusiva.

A pasarela de Grandes Deseñadores da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña acollerá un dos despregamentos creativos máis ambiciosos desta edición. O deseñador José Matteos fará de novo un desdobramento presentando as novas coleccións das súas dúas firmas: MATTEÔS Bridal, de noivas, e a marca de moda conceptual ÔSE Couture.

Para o creador, participar neste trixésimo quinto aniversario ten un significado moi especial e profundamente simbólico. “É posible que esta sexa a miña última colaboración coa Mostra durante un tempo”, confesa Matteos. Por este motivo, decidiu presentar en primicia ambas coleccións ante o público camariñán como un recoñecemento a un espazo que foi clave na súa traxectoria dende a súa primeira participación no 2005, cando foi premiado como deseñador emerxente.

“Camariñas Tierra Querida”: o compromiso comercial coas palilleiras

Baixo a súa firma de noivas, MATTEÔS Bridal, o deseñador subirá á pasarela a colección “Camariñas Tierra Querida”. Estas propostas, que incorporan o encaixe de Camariñas, están a presentarse nestes mesmos días (do 28 ao 30 de marzo) nunha convención internacional para tendas e showrooms en París, dende onde viaxarán directamente a Galicia para a Semana Santa.

Esta liña está dirixida a noivas que buscan pezas especiais e valoran o traballo artesanal. Para Matteos, o obxectivo transcende o puramente estético: “creo que é fundamental que a Mostra non se limite só a mostrar o encaixe, senón que todo o traballo teña un efecto tanxible. Que eses vestidos se vendan e, á súa vez, xeren novos encargos de encaixe ás palilleiras, reforzando o seu labor artesanal e asegurando a continuidade do seu oficio”, reivindica.

“Galicia Eterna”: o contrapunto conceptual de ÔSE Couture

Como contrapeso á delicadeza nupcial, a firma ÔSE Couture presentará “Galicia Eterna”, unha colección que se dará a coñecer integramente a nivel comercial no mes de setembro, pero que o público da Mostra poderá gozar en primicia.

“É unha proposta con moita forza que conecta coas miñas raíces e coa esencia máis profunda da miña identidade creativa”, explica o deseñador. Esta liña funciona como un perfecto contrapunto, mostrando a dualidade que sempre marcou a súa visión. A posta en escena será fundamental, contando cunha música creada en exclusiva para o desfile en Camariñas que non só acompañará, senón que “construirá o mensaxe”.

Para lograr integrar o milenario e delicado encaixe de Camariñas en dous mundos tan distintos (a tradición nupcial e a arte conceptual rompedora), Matteos asegura que o ‘cambio de chip’ é sinxelo grazas á súa forma de traballar.

Definíndose como un “artesán da agulla e do deseño”, Matteos confecciona persoalmente os prototipos, aplicando unha metodoloxía desenvolvida ao longo dos anos para asegurar que o encaixe se integre respectando a súa delicadeza. “En ÔSE Couture a creatividade permíteme experimentar, pero o verdadeiro reto está en atopar o equilibrio entre o deseño, a creación dunha prenda para a pasarela, a alta costura e a comercialización, integrando de forma natural o encaixe de Camariñas”, conclúe.

Posts relacionados

Gubem Event volverá encargarse da pasarela da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas

Gubem Event volverá encargarse da pasarela...

A empresa galega, da que está á fronte o vimiancés Damián Álvarez, será a encargada de coordinar a pasarela por…
As Grandes Firmas DEVOTA&LOMBA e Claudina Mata continúan o seu idilio coa Mostra do Encaixe de Camariñas 

As Grandes Firmas DEVOTA&LOMBA e Claudina...

Modesto Lomba afirma que o obxectivo de integrar a esencia do Encaixe de Camariñas nas súas pezas “é obter a…
Comercio local, artesanía, postos internacionais e exhibicións artesás na  XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas

Comercio local, artesanía, postos internacionais e...

Haberá un total de 12 postos de diferentes artesáns de Camariñas: El Rincón de los Sueños, Asoc. Prof. De Palilleiras…
gl_ESGL_ES
Logo-XXXIV-Mostra-do-Encaixe-min
Visión xeral da privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.