Os nenos e nenas da Escola de Palillo recibiron hoxe, sábado 19 de abril, un agasallo moi especial para recoñer o traballo que realizan ao longo do ano e que garante o futuro do encaixe: o libro ‘Un viaje por el espacio’, da camariñana Águeda Antelo.
A autora, acompañada da alcaldesa, Sandra Insua, e da concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, ademais doutros membros do goberno local, entregaron o libro aos encaixeiros infantís ao remato do emocionante e divertido desfile do PequEncaixe.
O libro ‘Un viaje por el espacio’ surxe a raíz do Traballo de Fin de Máster de Águeda Antelo, que cursou Educación Infantil e logo fixo o Máster de Psicoloxía Aplicada a Contextos Educativos. O traballo consistía en facer unha intervención no proceso de organización na escritura de contos nos nenos e nenas de Educación Infantil e ela decidiu levala a cabo nas aulas de 5 anos dos colexios de Camariñas e de Ponte do Porto.
“Para facer o traballo necesitaba un tema que me dese moito material e por iso decidín escoller o espazo cos seus planetas, asteroides, marcianos… Foron 8 semanas de intervención no colexio de Camariñas e eu, cada día que chegaba, contáballes aos nenos e nenas un pouco da historia do meu libro e a partir de aí traballábamos diversas actividades relacionadas co espazo. Toda a intervención ía unida a unha historia coa que eles estaban familiarizados”, indica a autora.


