O desfile de ‘ArtEncaixe’ continúa, ano a ano, gañando puxanza, consolidándose e atraendo a artesáns de diferentes puntos de Galicia para demostrar que o encaixe é versatil e pode adaptarse a diferentes materiais. Neste caso, na XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña repetirá participación a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, de Santiago de Compostela.
Farano coa participación dos alumnos e alumnas do primeiro curso de Xoiería. “Para nós ten varios obxectivos: participar no desfile con xoiaría, e presentar as súas pezas en movemento, e facelo con modelos profesionais e cun público que recoñece a labor de axuntar artesanía e innovación en Galicia”, explica a mestra da EASD Mestre Mateo, Ana Seara.
Ana adianta que “este ano levaremos pezas vistosas enfocadas a un desfile como tiaras, un colar pensado para as costas ou pendentes”. “Adoitan a ser de grandes dimensións, nas que traballamos principalmente co corte láser en base de madeira, por suposto aplicando o encaixe, e algunhas están policromadas con pan de ouro e pan de ouro oxidado, aproveitando que temos o modular de Dourado e Policromía na Escola”, engade.
Para a EASD Mestre Mateo a experiencia do ano pasado “resultou moi positiva en tódolos sentidos. Permitiunos realizar un proxecto completo co alumnado de 1º curso, dende a idea persoal de cada un, facer probas e maquetas experimentando con diversos materiais que xeralmente non adoitamos a velos xuntos ou pensar en xoiaría”.