O primeiro nome da lista de confirmacións da alta costura de cara a XXX Mostra do Encaixe Deputación da Coruña é o de Dolores Cortés, que presentará a súa colección de baño con Encaixe de Camariñas no triséximo aniversario do evento do palillo.
A deseñadora, que debutaba na Pasarela Gaudí de Barcelona 2002, participará por cuarta vez nun evento “tremendamente especial” para ela e no que presentará “dous biquinis, dous bañadores e dous complementos”, todas as pezas de color branco.
“Estou moi ilusionada de participar por cuarta vez na Mostra de Camariñas porque é un evento que aúna tradición e vangarda”, afirma a deseñadora valenciana, que adianta que traerá a Camariñas “unha peza con palabra de honor, outra con tirantes e coa confección do encaixe como elemento primixenio”.
Dolores Cortés formará parte da lista de grandes nomes da moda para esta XXX Mostra do Encaixe de Camariñas, que se celebrará do 8 ao 12 de outubro e que servirá de escaparate internacional non só para as grandes firmas, senón tamén para os Noveis Deseñadores e para o mundo da artesanía, principal novidade desta edición.