O estilita internacional Carlos Bardullas, natural da Ponte do Porto, deixou abraiado, outro ano máis, ao público da XXX Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña coa súa colección de tocados escultóricos imposibles feitos con pelo.
Para este ano Bardullas creou un desfile titulado ‘Sentimentos e emocións’, que se dividiu en tres partes. A primeira, ‘Son do Mar’, inspirada en Camariñas e nas súas xentes e representadas polas pezas ‘Alga’, ‘Concha’ e Brisa do Mar’.
A segunda, en homenaxe ao colectivo LGTBI, o estilista internacional ofreceu unha performance en vivo onde reivindica a tolerancia, o respecto a empatía, a xustiza, o amor, a diversidade e a liberdade de pensamento e de sentir.
Nunha terceira, a maxia, as emocións e os sentimentos uníronse para formar esta nova colección representada por ‘Pasión’, ‘Fortaleza’, ‘Armonía’ e ‘Euforia’.
Máis desfiles na XXX Mostra do Encaixe
A nova sección de ArtEncaixe foi a encargada de pechar a quenda de mañá deste domingo, 10 de outubro, terceira data da Mostra. Volveron a desfilar pola pasarela Amorote Workshop, Ana Miguens, Charo López Atelier, Egueire ONG, Estilo Aramar, Janet Schulz, La Parabólica de Julia de la Cal, Noelia Peña, Pilar Rodríguez de ‘En Lá’, Silvereia e Xelis LUaces. Todos artesáns e artesás que aplican o encaixe nas súas pezas.
Xa pola tarde, continuará a XXX Mostra do Encaixe co desfile de Grandes Deseñadores (17 horas) con: Amaya Fernández, Ana Cabranes, Bikkos, Claudina Mata, Dolores Cortés, Edith del Valle, Esteban Freiría, José Mateos, Lalacó Atelier, Sara Lage, e María Campaña, firma local.
Desde as 18:15 horas será a quenda para o XXVII concurso de Noveis Deseñadores, grupos ‘A’ e ‘B’, no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios e participan 24 mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda.