O Concello de Camariñas aproba nun pleno histórico cambiar o nome da Avenida Ambrosio Feijoo por ‘Avenida das Palilleiras’ 

A decisión adoptouse hoxe nunha sesión extraordinaria celebrada no propio recinto da XXXV Mostra do Encaixe, rodeados de das propias palilleiras da vila. A alcaldesa destacou que a medida non só cumpre coa Lei de Memoria Democrática, senón que supón "un acto de xustiza histórica, de dignidade e de reivindicación feminista". “Cando as nosas nenas e nenos paseen por ela, cando vexan esa placa, saberán que a verdadeira grandeza e a historia de Camariñas escríbese en feminino", sinalou Sandra Insua.

O Concello de Camariñas vén de facer historia este mércores, 1 de abril, coa celebración dun pleno extraordinario no recinto feiral da Mostra do Encaixe, xusto antes da inauguración oficial da súa trixésimo quinta edición. A corporación municipal aprobou a modificación da denominación da actual Avenida Ambrosio Feijoo, que a partir de hoxe pasará a chamarse de xeito oficial Avenida das Palilleiras.

O goberno local promoveu este cambio en cumprimento da normativa vixente en materia de memoria democrática, co fin de “adecuar o rueiro municipal aos principios de respecto, convivencia e recoñecemento dos valores democráticos”. Con todo, a medida transcende o trámite administrativo para converterse na “expresión dun recoñecemento institucional e colectivo a todas as mulleres que, co seu traballo silencioso, constante e cheo de mestría, foron e son o corazón da identidade de Camariñas”.

No seu discurso de peche da sesión plenaria, a alcaldesa dirixiuse directamente ás palilleiras presentes no pavillón Víctor Vigo para poñer en valor a inmensidade do seu legado: “durante séculos, o voso traballo foi silencioso, moitas veces invisible e case sempre feito de portas para dentro, á luz dunha candea ou á beira da xanela. Pero con eses palillos, con eses piques e con ese fío, non só axudastes a sacar adiante ás vosas familias nos tempos máis duros; axudastes a levantar Camariñas. Vós puxestes o noso nome no mapa do mundo”.

A xustificación oficial do cambio de rueiro salienta que as artesás representan moito máis ca unha tradición; son “memoria viva, transmisión de saberes entre xeracións, orgullo e o símbolo máis auténtico dunha vila que soubo facer do encaixe un sinal de identidade universal”.

A rexedora incidiu na forte carga simbólica de rebautizar a vía: “cambiar esta denominación é un acto de xustiza histórica, de dignidade e de reivindicación feminista. A partir de hoxe, unha das principais rúas do noso pobo levará o voso nome. E cando as nosas nenas e nenos paseen por ela, cando vexan esa placa, saberán que a verdadeira grandeza e a historia de Camariñas escríbese en feminino”.

A execución deste pleno cobra un significado aínda máis profundo ao coincidir coa apertura dunha edición tan redonda e histórica como é o trixésimo quinto aniversario da Mostra do Encaixe. O Concello rende así unha homenaxe xusta e necesaria ás verdadeiras protagonistas desta traxectoria colectiva: “ás que foron, ás que son e ás que seguirán mantendo viva esta arte que nos define como pobo”.

O Concello de Camariñas aproba nun pleno histórico cambiar o nome da Avenida Ambrosio Feijoo por ‘Avenida das Palilleiras’ 

Posts relacionados

A vicepresidenta do Goberno, Yolanda Díaz, loce uns pendentes de encaixe de Camariñas, agasallo do Concello

A vicepresidenta do Goberno, Yolanda Díaz,...

Sandra Insua reuniuse coa vicepresidenta do Goberno en FITUR e comprometeuse a enviarlle este produto. Yolanda Díaz agradeceu o detalle…
Trinta e cinco promesas da moda participarán no XXX Concurso de Noveis Deseñadores da Mostra do Encaixe de Camariñas 

Trinta e cinco promesas da moda...

Hoxe déronse a coñecer os noveis deseñadores finalistas deste evento, que pertencen a escolas de diferentes puntos de Galicia e…
Uxía Loureiro convértese na gañadora do XXIX concurso de Noveis Deseñadores coa colección A Orixe

Uxía Loureiro convértese na gañadora do...

Tecer, de Fabiola Santos Baña, acadou o segundo posto do certame, mentres que F.37, de Sofía Sánchez Rey e Santiago…
gl_ESGL_ES
Logo-XXXIV-Mostra-do-Encaixe-min
Visión xeral da privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.