Os nenos e nenas da Escola de Palillo recibiron hoxe, sábado 4 de abril, despois dos desfiles da mañá, un agasallo do Concello de Camariñas e da Mostra do Encaixe para recoñecer o traballo que realizan ao longo do ano e que garante o futuro do encaixe.
A alcaldesa, Sandra Insua, e a concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, ademais doutros membros do goberno local, entregaron o agasallo aos encaixeiros infantís ao remate do emocionante e divertido desfile do PequEncaixe.
Ademais, as persoas asistentes puideron desfrutar en directo da actuación do mozo de Camelle Sebastián Allones Dans, que con tan só 12 anos gañou o concurso de talentos ‘Da rúa á lúa’, do programa ‘Quen anda aí’ da Televisión de Galicia.







