A pasarela do ArtEncaixe da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña continúa desvelando as propostas que encherán de creatividade e vangarda o pavillón Víctor Vigo esta Semana Santa. Nesta ocasión, confírmase a participación de dúas firmas que apostan polos complementos como pezas centrais: a artesá Ana Trasariz e a marca Estilo Aramar, dirixida por Viviana Araujo.
Para a vimiancesa Ana Trasariz, participar por primeira vez nos desfiles da Mostra supón asumir unha gran responsabilidade como artesá, pero tamén unha honra enorme. “Faime moitísima ilusión porque é unha tradición moi arraigada na zona e que se valora en todas as partes do mundo. Tanto é así que as grandes marcas quixeron incorporalo nas súas coleccións, polo que é unha honra poder incluílo nos meus deseños”, sinala.
A creadora, que volverá a ter stand propio, preparou unha estratexia dobre para a súa presenza en Camariñas. Por unha banda, presentará unha colección exclusiva para o desfile de ArtEncaixe conformada por bolsos de ombreiro, bandoleiras e bolsos de man cun deseño “máis rechamante e enfocado á pasarela”. Pola outra, no seu stand porá á venda unha liña moito máis funcional e pensada para o día a día, con tote bags e accesorios para móbiles ou chaves.
O gran reto técnico de Trasariz foi integrar o encaixe sen que o bolso perda funcionalidade, coidando ao máximo a colocación dos apliques para que o fío “non estea exposto a roces continuos nin vaia posto directamente nunha cremalleira”.
A súa principal mensaxe sobre a pasarela será reivindicativa: “gustaríame romper un pouco con esa idea de que o encaixe é algo antigo ou que só se ve no mantel da avoa. A Mostra leva anos demostrando que hai moitísimo talento e creatividade, e o encaixe é moito máis ca iso. Oxalá esta colección sirva de inspiración para outra xente que está empezando no mundo da moda”, conclúe.
A riqueza do mar e os ‘total looks’ de Estilo Aramar
Pola súa banda, a deseñadora Viviana Araujo volve un ano máis á pasarela de ArtEncaixe coa súa firma Estilo Aramar, apostando por unha visión integral da moda. Este ano non só presentará os seus habituais e espectaculares complementos, senón que os acompañará dos seus propios estilismos completos.
A súa colección será un despregamento de elegancia e variedade, incluíndo propostas como blusas e pantalóns combinados con pamelas, vestidos con toucados, blusóns con sombreiros e elegantes chalés. Ademais, Estilo Aramar tamén presentará propostas de moda masculina, con estilismos compostos por chaquetiña, cinto e pantalón.
O proceso creativo de Viviana Araujo destaca pola súa complexidade técnica, xa que cada peza elabórase utilizando disciplinas distintas que acaban sumando e integrando as puntillas de encaixe de Camariñas. “Empregamos algunha técnica utilizando tinguiduras, traballos en pluma e técnicas varias”, explica a deseñadora.
Todo este minucioso traballo artesanal e de deseño ten este ano un fío condutor moi claro e apegado ao territorio: “a intención é incorporar os encaixes coa riqueza do mar de Camariñas”, convertendo a pasarela nunha homenaxe visual á contorna da Costa da Morte.


